BASES POLAS QUE SE REGULA O CONCURSO DE MAIOS E COPLAS DO ANO 2019

BASES POLAS QUE SE REGULA O CONCURSO DE MAIOS E COPLAS DO ANO 2019

PRIMEIRA:

O obxecto deste concurso é o fomento da participación no tradicional Día dos Maios. O concurso terá lugar día 1 de maio de 2019, entre as 11.00 horas e as 20.00 horas, na praza do Concello do Barco de Valdeorras.

 

SEGUNDA:

Os importes establecidos para os Maios, en cada unha das dúas modalidades (Artísticos e enxebres), son os seguintes:

  • un primeiro premio de 300 €
  • un segundo premio de 250 €
  • un terceiro premio de 150 €
  • dous accésits de 50 €.

Os importes dos premios para as Coplas serán os seguintes:

  • un primeiro premio de 200 €
  • un segundo premio de 100 €
  • dous accésits de 50 €

O premio único estipulado para os participantes na categoría de Arcos florais é un lote de libros

 

TERCEIRA:

As persoas físicas ou xurídicas que se presenten a este concurso poden facelo cun único proxecto de actividades ou con varios, valorándose cadanseu dun xeito independente. Deberán atender aos seguintes criterios:

 

a/ Composición e recitado de coplas: as coplas concursantes deberán estar escritas en galego. Por limitacións de tempo o xurado poderá indicarlle aos participantes que escollan unhas estrofas das súas coplas para ser cantadas, que serán, como mínimo, dez estrofas.
 

b/ Non poderán ser presentadas a concurso coplas que non se correspondan cun Maio. Os solicitantes que inscriban unhas coplas terán necesariamente que inscribir un Maio e presentalo ao concurso.

 

c/ Elaboración e exhibición de Maios: os Maios poderán ser de feitura enxebre ou artística, utilizando en todos os casos elementos vexetais (non protexidos) como os únicos que sexan visibles no acabado final. Os  Maios deberán estar ás 11 horas na praza do Príncipe de Asturias, no lugar que se lles asigne polos membros da organización, e deberán ser retirados da praza ao finalizar o acto, non antes das 20 horas. 

 

d/ Elaboración e exhibición de Arcos florais: estes elementos poderán ser de feitura enxebre ou artística, utilizando en todos os casos elementos vexetais (non protexidos) como os únicos que sexan visibles no acabado final. Os  “Arcos florais” serán expostos na praza do Príncipe de Asturias, no lugar que se lles asigne polos membros da organización, e deberán ser retirados da praza ao finalizar o acto, non antes das 20 horas. 

 

CUARTA:
O prazo de inscrición remata o día 30 de abril ás 12 horas e a mesma deberá formalizarse na oficina da Asociación de Empresarios de Valdeorras (AEVA) situada na praza do Concello, segundo o modelo que se facilitará e que debe incluír os seguintes datos:

- Nome e apelidos se é unha persoa física, ou denominación social se é unha entidade legalmente constituída.

- DNI do concursante se é persoa física, ou CIF, se é persoa xurídica.

 

Os participantes na modalidade de coplas deberán entregar cinco copias das mesmas no momento da inscrición.

 

QUINTA:

Dada a natureza artística das actividades e traballos obxecto de subvención, os criterios para a valoración das obras son puramente estéticos e artísticos, podendo destacarse os seguintes:

 

  • Establécense dúas modalidades de Maios: enxebres e artísticos. Maio enxebre é aquel maio tradicional e figurativo que representa pirámides, conos ou cruceiros. Maio artístico é o que recrea, cos elementos tradicionais, figuras, escenas cotiás, monumentos ou obras de arte.
  • En relación aos Maios terase en conta a posibilidade de que sexa transportado por medios non mecánicos e que os elementos estruturais e de fixación estean ben disimulados, quedando á vista exclusivamente a materia vexetal.
  • Nas coplas o xurado valorará a orixinalidade, a retranca, a composición, o ritmo, a extensión e a linguaxe utilizados.
  • Con relación á categoría Arcos Florais valorarase o deseño e a orixinalidade dos mesmos

 

SEXTA:

O xurado estará formado por persoas relacionadas coa organización da festa e representativas da vida social e cultural do Barco de Valdeorras, o seu fallo será inapelable e darase a coñecer no propio recinto festivo antes das 20 horas.

 

SÉTIMA:

A participación na presente convocatoria implica a aceptación das presentes bases.

 

O Barco de Valdeorras, 4 de abril de 2019